Tuesday, February 13, 2007

Para que quede constancia: o 13 de febreiro informei ó concelleiro de obras que na pista que vai do Sisto á Gaiteira -polo monte- hai unha gran fochanca provocada por un nacente de auga. Un coche que pase por alí pode quedar espetado.
Veromos canto tardan en colocar o sinal necesario.

Monday, February 12, 2007

A situación creada pola construción da nova estrada é cada día máis humillante para a veciñanza: a pista que abriron para A Varcia está nun estado só transitable para os tractores; as vías de Penelas pouco menos e na Torre está a piques de converterse nun campo de minas.
Cando vas ó Concello a pedir explicacións, aténdente moi amablemente e contigo diante chaman á policía municipal para ordenarlles que fagan un informe. Papel institucional cumprido.
A segunda parte é que a policía lévate ó despacho e móstrache tódolos informes que fixo e que non serviron para nada. ¿Por que? Porque dende o concello danlles as indicacións-queixas á empresa por teléfono. E alí deben ser algo xordos. Ademais, as palabras vanse co vento. Cousa moi distinta sería se ese requerimento se fixese por escrito. Xa se sabe que o papel terma do que ten. Pero...
Eu estou cada vez máis convencida de que debido ás dificultades de lectura e de escritura que se dan no goberno municipal de Teo sería interesante que dende o departamento de cultura os inscribisen a todos nun curso de alfabetización para adultos, nivel superior, por suposto, que algo, o que se di algo, saben. Alomenos saben asinar.