Tuesday, February 13, 2007

Para que quede constancia: o 13 de febreiro informei ó concelleiro de obras que na pista que vai do Sisto á Gaiteira -polo monte- hai unha gran fochanca provocada por un nacente de auga. Un coche que pase por alí pode quedar espetado.
Veromos canto tardan en colocar o sinal necesario.

Monday, February 12, 2007

A situación creada pola construción da nova estrada é cada día máis humillante para a veciñanza: a pista que abriron para A Varcia está nun estado só transitable para os tractores; as vías de Penelas pouco menos e na Torre está a piques de converterse nun campo de minas.
Cando vas ó Concello a pedir explicacións, aténdente moi amablemente e contigo diante chaman á policía municipal para ordenarlles que fagan un informe. Papel institucional cumprido.
A segunda parte é que a policía lévate ó despacho e móstrache tódolos informes que fixo e que non serviron para nada. ¿Por que? Porque dende o concello danlles as indicacións-queixas á empresa por teléfono. E alí deben ser algo xordos. Ademais, as palabras vanse co vento. Cousa moi distinta sería se ese requerimento se fixese por escrito. Xa se sabe que o papel terma do que ten. Pero...
Eu estou cada vez máis convencida de que debido ás dificultades de lectura e de escritura que se dan no goberno municipal de Teo sería interesante que dende o departamento de cultura os inscribisen a todos nun curso de alfabetización para adultos, nivel superior, por suposto, que algo, o que se di algo, saben. Alomenos saben asinar.

Saturday, September 30, 2006

Este xoves 28, estando na biblioteca de Raxó, escoitamos un forte ruído que fixo que a casa da escola se movese violentamente. O que se me ocorreu pensar é que a estrutura non soportaba xa o peso dos aproximadamente 1500 libros que hai alí. Ó dez minutos o ruído volveuse repetir. E despois outra vez, outra máis, etc. A xente que estabamos alí saímos fóra por ver que pasaba e non notamos nada raro. Tivo que pasar un pouco de tempo para decatarnos de que os da estrada estaban barrenando, en sentido literal.
Cando se estaba protestando polos proxectos de estradas, lembro que o daquela director xeral de estradas -Agustín Hernández creo que se chamaba- dicía todo oufano que o interese público debía primar sempre sobre o privado.
Nada teño en contra desa afirmación, pero pregúntome -e pregunteille- ¿é xusto que o público se faga pisando o privado? ¿É xusto que as persoas que viven á beira da variante estean soportando todo iso? ¿Que van recibir a cambio? Elas non van ter acceso doado a esa estrada, ¿como se lle vai compensar polo po do verán, a lama do inverno, os sobresaltos dos barrenos, o ruído das máquinas, a desolación da paisaxe, as voltas provocadas polas estradas cortadas, etc.?
Eu non creo que poida haber unha obra de interese colectivo que se fai pisando o dereito doutro conxunto de individuos. Ó final iso non deixa de ser unha manifestación de totalitarismo.

Friday, August 04, 2006

¡Que doado é nestes lugares pequenos converterte nun centro de atención e no obxecto de tódalas miradas! Que fácil sería, daquela, ser un/unha "líder de opinión" que permita dar outra imaxe das cousas.
O máis normal neses casos é que quen recibe esa atención comeza tamén a tragar aire e acaba inchado, polas nubes, dicindo inconveniencias e comportándose de xeito patético. Coloquialmente: acaba 'cagándoa'.
Isto foi ó que lle acontece á Comisión de Festas de Cacheiras. O paso polo palco para berrarlles a quen non pagou e o revanchismo de nomear unha comisión para o ano que vén na que tódalas persoas que están tiveron algún enfrontamento co grupo saliente.
Unha pena.

Wednesday, July 26, 2006

Unha das cousas que me causan arrepío é escoitar na noite e no medio do silencio un bólido a altas velocidades.
¿Coñece alguén algunha solución caseira inocua e incruenta para evitar que os coches circulen polas pistas a máis de 100 km por hora?

Tuesday, July 18, 2006

Eu antes pensaba que quen se beneficiaba era unha ou dúas persoas concretas, con nomes e apelidos.
Agora non, agora creo que socioloxicamente quen se beneficia é a colectividade, concretamente 'os nativos' que teñen terras.
Pero coidado, non se benefician economicamente -iso segue quedando na man de dous ou tres-, senón psicoloxicamente, pensando en que en calquera momento tamén lles vai tocar a eles o seu quiñón monetario.

Xa sei que é un pouco retorcido, pero é que, se non é así, dá para desesperarse e para perde-la fe na xente.

Por certo, alguén se fixou en como baixan os regos que decorren das urbanizacións das Brañas dos Alféreces e cia?

Wednesday, July 12, 2006

¿Levará alguén a conta da cantidade de casas que se comezaron a construír dende que se presentou o PXOM? A última pode verse na Póboa, xusto despois das naves.

Dubido que ningunha delas teña permiso, nin tan sequera de 'galpón'.

¿E despois que se vai facer con elas?